viernes, 15 de abril de 2011

Animación día do libro

Co gallo do día do libro, e como esta data cae en vacacións de semana santa, adiantámonos á súa celebración e convidamos a Antón Castro quen gustosamente acudiu á nosa chamada para compartir connosco o seu bo facer en materia de música, literatura oral e humor. Grazas, Antón, polo que nos ensinache e polo que rimos.

lunes, 11 de abril de 2011

Encontros PLAMBE 2011

O xoves e venres (7 e 8 de abril) tiveron lugar en Compostela os encontros dos centros adscritos ao Plan de mellora de bibliotecas escolares. Alá nos demos cita os responsables das 374 bibliotecas dese plan. O primeiro día foi para os centros de nova incorporación. 
Que dicirvos?... Pois que foi unha ocasión máis  (todas son poucas) para aprender, intercambiar experiencias, ver o que se fai noutros centros,  para, en definitiva, recargar baterías e poder continuar co compromiso asumido de converter a nosa biblioteca nun lugar agradable, útil e dinámico.
Quen teña interés nos materiais destes encontros pode velos AQUÍ nun espazo moodle habilitado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares ao que se pode entrar como convidados.

martes, 29 de marzo de 2011

Día do libro

Este ano,  para celebrar o día do libro, imos facer un mural colectivo con este lema:
"SALVA UN LIBRO, CREA UN BOSQUE"
Imaxina calquera situación na que sexa preciso salvar un libro. Sabemos que é difícil escoller un só. Se queres participar nesta obra colectiva, colle unha plantilla na biblioteca e escribe nela o título do libro que salvarías e o porqué. Con todas as aportacións faremos un homenaxe aos bosques porque o 2011 é o ano internacional dos bosques.
Gracias pola vosa colaboración.

(O equipo de biblioteca)

Xogos PDI

Desde que traballamos os PDI (proxectos documentais integrados), levamos feitas moitas actividades. Algunhas delas, polo seu carácter lúdico, convén rescatalas e poñelas á disposición de quen as queira empregar. A continuación tedes as ligazóns a estas actividades en JCLIC:

lunes, 28 de marzo de 2011

As novas tecnoloxías

Dentro do proxecto documental integrado que traballamos  este ano presentámosvos unha actividade interactiva para achegármonos  a este mundo tan fascinante pero que é preciso coñecer. Trátase dun paquete de actividades en JCLIC sobre as novas tecnoloxías. Premede na imaxe ou na ligazón.(Entrar como convidados)

miércoles, 23 de marzo de 2011

Recursos electrónicos

Aquí tedes unha colección de recursos electrónicos seguindo as distintas seccións da CDU. Se picas na imaxe ou na ligazón, entras directamente no arquivo. Unha vez na páxina, elixe a materia que che interese. Boa viaxe!!
Agradecemos ao IES "Pedra da Aguia" e ao dinamizador da súa biblioteca, Emilio Roca,  o teren compartido entre a comunidade do PLAMBE un traballo que serviu de base para o noso.

lunes, 14 de febrero de 2011

Xincana cultural

O concurso deste ano chámase XINCANA CULTURAL. Haberá catro niveis. 
  • Trátase dun concurso no que haberá unhas probas sobre as distintas actividades que facemos no centro, por exemplo, día da paz, novas tecnoloxías, etc.
  • O concurso este ano terá carácter individual.
  • Se queres participar, resolve as  probas que colocaremos nos paneis dos diferentes espazos e entrega a solución na biblioteca.
  • Cada participante pódese incorporar ao concurso cando queira, aínda que cantas máis probas solucione máis posibilidades terá de optar ao premio.
  • Comezamos no mes de marzo.
  • Haberá premio para os/as gañadores/as de cada categoría.