sábado, 10 de diciembre de 2011

Dereitos Humanos

Parece un contrasentido falar de Dereitos Humanos cando, despois de 63 anos da súa proclamación, segue a haber tantas desigualdades, sendo a igualdade un dereito; séguese matando institucionalmente, cando se recoñece a vida como dereito; a integridade persoal é un dereito a menudo violado pola tortura e outros tratos crueles, inhumanos e degradantes; podemos falar de libertade cando vemos ao noso arredor tantas formas de esclavitude, servidume, traballo forzado e prácticas análogas?...Hai lugar para a esperanza? Desde a biblioteca escolar pensamos que si... senón estariamos perdidos.
E xa que falamos de biblioteca, hai moitas nenas e nenos no mundo que non teñen acceso a elas nin aos libros porque os gobernos dos seus países llelo impiden; queren e non poden. No noso colexio temos unha estupenda biblioteca con miles de libros, sen embargo parte do noso alumnado non fai uso dela; poden e non queren.
Para que a infancia saharahui teña acceso aos libros, púxose en marcha unha iniciativa, "Bubisher" que leva libros ás poboacións do Sáhara nun bibliobús, de aí o nome. Máis de cen bibliotecas escolares de toda Galicia participamos na achega a este proxecto cun lote de álbumes seleccionados pola organización. O álbum que escolleu a nosa biblioteca é "El grillo silencioso". 
Pensamos que a solidaridade é o camiño que nos abra as portas da esperanza.

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

viernes, 25 de noviembre de 2011

Contra a violencia de xénero

Co desexo de non ter que celebrar máis esta data, esta é a nosa colaboración para erradicar todos os actos mediante os que se discrimina, ignora, somete e subordina as  mulleres nos diferentes aspectos da súa existencia.

jueves, 24 de noviembre de 2011

Testeando


Aquí tedes outra ferramenta educativa,  lúdica e gratuita pensada para profesores e estudiantes. Consiste nun xogo de preguntas e respostas tipo test ou trivial agrupadas por materias e niveis.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

Bbliotecas escolares galegas

Biibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Este vídeo foi gravado nas bibliotecas escolares galegas ao final do curso pasado. Presentouse no Congreso Nacional "Bibliotecas Escolares en Tránsito" celebrado en Santiago os días 10, 11 e 12 de novembro. Nel, aínda que fugazmente, hai unha testemuña da nosa biblioteca. Sirve para darnos unha idea do que tamén se está a facer por aí adiante.

domingo, 13 de noviembre de 2011

De volta do Congreso Nacional

De volta do Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares, dicirvos que foi unha experiencia altamente gratificante tanto pola orgaización como polo que alí se falou.
A grandes rasgos, este é o resumo  deste fructífero congreso:
  • "A biblioteca escolar é máis unha actividade que un espazo" Daniel Casany.
  • É necesario crear nos centros a necesidade de utilizar a biblioteca dándolle valor e relevancia.
  • É imprescindible que a innovación pedagóxica e a tecnolóxica camiñen da man. Para isto, a biblioteca escolar é un espazo privilexiado.
  • "A biblioteca escolar debe contemplar espazos para o silencio e a reflexión" Michèlle Petit.
  •  A biblioteca escolar debe axudar a aprender o uso das NNTT de forma crítica.
  • Papel do mediador (bibliotecario) como cartógrafo da información, que selecciona e descarta, que axuda a valorar e comprender.
  • Papel do profesorado relacionado coa biblioteca como mediador e do alumnado como creador.
  • importancia da lectura compartida. É necesario formar para a lectura social.
  • Biblioteca como mediadora do extracurricular  e o currículo. Hai un maior acceso á información pero non ó coñecemento.
  • A biblioteca posibilita o carácter interdisciplinar e os procesos de investigación.
  • As institucións educativas non poden mirar para outro lado ante a responsabilidade que teñen contraídas nas leis educativas en materia de bibliotecas escolares. É necesario consolidar planes e programas de biblioteca de forma estructural.
  • Considérase imprescindible buscar a converxencia entre os distintos planes do centro: Proxecto de biblioteca, proxecto lector, proxecto lingüístico, TIC, etc.
  • Imprescindible dotar ás bibliotecas escolares dos recursos materiales e humanos necesarios para o desenvolvemento das funcións que se lles atribúe e se lles demanda.
Para máis información, podedes consultar a páxina deste congreso http://www.bibliotecasescolaresentransito.com/gl/default.asp
donde podedes escoitar  as ponencias dos especialistas invitados e ter acceso a todos os materiais.

miércoles, 2 de noviembre de 2011

Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito

Os días 10,11 e 12 de novembro de 2011 terá lugar en Santiago o Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares co título  "Bibliotecas Escolares en Tránsito". A Asesoría de Bibliotecas Escolares pediunos participar cunha comunicación. Pois alá iremos. A ponencia leva por título "A nosa biblioteca, un centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe". Esta é a páxina deste congreso por se queredes saber máis detalles: