jueves, 24 de octubre de 2013

Club de lectura 2013-2014

Un ano máis comezamos as actividades do club de lectura. Este curso farémolo con todo o alumnado de segundo de ESO. A principal novidade é que utilizaremos o soporte dixital para as nosas lecturas. Todos os e-readers da biblioteca están distribuidos entre os membros do club. Outros alumnos/as utilizan os propios dispositivos. O mediador do club de lectura compra os libros dixitais e pásallelos aos lectores e lectoras por correo electrónico para que o suban aos dispositivos de lectura.Por certo, a comezo de curso adquirimos dous novos dispositivos idénticos ao da imaxe. Agardamos un uso responsable destes aparellos.

24 de outubro: día das bibliotecas

Cada ano a Asesoría de Bibliotecas Escolares agasállanos cun cartaz onde se recollen as distintas posibilidades da biblioteca escolar como apoio ao desenvolvemento do currículo. Este ano o lema elexido é "ler ciencia na biblioteca escolar". Nas distintas "Horas de ler" temos libros con esta temática e tamén na biblioteca. Benvido sexa o cartaz. Xa está colocado na nosa biblioteca.

Criaturas fantásticas

"Cachito", o conserxe do colexio,  tivo unha idea estupenda: colocou un acuario nas proximidades da biblioteca. A zona sempre está ateigada de escolares ollando estas fantásticas criaturas. Non deixa de ser un reclamo para a nosa biblioteca e para o proxecto documental. Grazas, "Cachito"!!!

Outono fantástico

O outono, co Magosto e o Samaín, é unha estación fantástica. As pantasmas, homes lobo, bruxas, esqueletes e outras criaturas danse cita nesta época para pasar anacos refuxiados nas súas historias. A imaxe recolle o comezo do mural colaborativo sobre o outono fantástico.


Exposición "Criaturas fantásticas"


Para traballar no PDI, o equipo de biblioteca andivemos a buscar nos andeis libros relacionados co tema de "Criaturas fantásticas". Por certo que hai ben deles. Con eles fixemos dúas exposicións: unha para EI e EP e outra para a ESO. Tamén elaboramos unha bibliografía sobre literatura fantática, á que podedes acceder clicando na ligazón.

martes, 1 de octubre de 2013

Guías de uso dos e-readers

A biblioteca conta con 11 e-readers de recente adquisición. Aquí tedes unha guía de utilización para cada un dos modelos dos que dispomos: BQ(3) e SONY(8).Convén botarlles un ollo antes de utilizar os aparellos.



miércoles, 18 de septiembre de 2013

Criaturas fantásticas



O PDI deste curso leva por título "Criaturas fantásticas", tendo en conta os resultados da enquisa que se pasou ao alumnado e profesorado do centro hai dous anos. Adentrarémonos, xa que logo, por este marabilloso mundo de dragóns, centauros, unicornios, elfos, ananos, meigas, demos, deuses, homes e mulleres lobo...e tantos outras xentes que non son xente para alimentar coas súas lecturas o noso espíritu. Boa viaxe e que os deuses vos sexan propicios!