martes, 19 de noviembre de 2013

Burla ao voluntariado


Fai once anos tivo lugar na Costa da Morte a maior catástrofe ecolóxica de todos os tempos. O naufraxio do petroleiro "PRESTIGE", despois de que os políticos de turno evidenciasen a súa incompetencia. Un atentado contra o medio de vida de tantos galegos e galegas. As nosas praias tinguíronse de negro, o negro do chapapote. Toda Galiza estaba de loito. A cidadanía respondeu de todos os xeitos posibles: manifestacións, cadeas humanas, voluntarios e voluntarias para deixar a nosa costa relucente. Ninguén puido calar os berros, ninguén foi quen de quitar as pancartas dos centros educativos a pesar da súa prohibición, ninguén puido evitar a enorme cadea humana que quixo ser testemuña do desastre e que esixía xustiza. Alí tamén estivemos nós.
A xustiza pronunciouse hai poucos días. Quen viviu e loitou contra aquela catástrofe non sae do asombro ante o veredicto. Semella unha burla para o voluntariado, a xente que dun xeito altruista move o mundo. Véñenme á mente as palabras que Curros lle fixo dicir ao mesmo Deus: "Se iste é o mundo que eu fixen, que o demo me leve".
 Dende a nosa biblioteca temos a obriga de facer xustiza. Poñemos de actualidade algúns títulos para que coñezades a verdade:
A praia da esperanza.
H2oil
Marea negra.
No país de nunca máis.
¡Nunca máis! A ollada da infancia.
Nunca máis. A voz da cidadanía.
Parando a marea negra.
Prestige. Tal como foi, tal como fomos.

martes, 29 de octubre de 2013

Rutas de lectura

Rutas de lectura é un recurso moi útil para traballar a comunicación nas aulas.

viernes, 25 de octubre de 2013

Mascota da biblioteca

Aproveitando o tema de "Criaturas fantásticas", a biblioteca convocou un concurso de debuxo para crear a mascota que a representará e que nos servirá de logotipo para os diferentes comunicados e actividades. Na seguinte ligazón podedes acceder ás bases do concurso.

jueves, 24 de octubre de 2013

Club de lectura 2013-2014

Un ano máis comezamos as actividades do club de lectura. Este curso farémolo con todo o alumnado de segundo de ESO. A principal novidade é que utilizaremos o soporte dixital para as nosas lecturas. Todos os e-readers da biblioteca están distribuidos entre os membros do club. Outros alumnos/as utilizan os propios dispositivos. O mediador do club de lectura compra os libros dixitais e pásallelos aos lectores e lectoras por correo electrónico para que o suban aos dispositivos de lectura.Por certo, a comezo de curso adquirimos dous novos dispositivos idénticos ao da imaxe. Agardamos un uso responsable destes aparellos.

24 de outubro: día das bibliotecas

Cada ano a Asesoría de Bibliotecas Escolares agasállanos cun cartaz onde se recollen as distintas posibilidades da biblioteca escolar como apoio ao desenvolvemento do currículo. Este ano o lema elexido é "ler ciencia na biblioteca escolar". Nas distintas "Horas de ler" temos libros con esta temática e tamén na biblioteca. Benvido sexa o cartaz. Xa está colocado na nosa biblioteca.

Criaturas fantásticas

"Cachito", o conserxe do colexio,  tivo unha idea estupenda: colocou un acuario nas proximidades da biblioteca. A zona sempre está ateigada de escolares ollando estas fantásticas criaturas. Non deixa de ser un reclamo para a nosa biblioteca e para o proxecto documental. Grazas, "Cachito"!!!

Outono fantástico

O outono, co Magosto e o Samaín, é unha estación fantástica. As pantasmas, homes lobo, bruxas, esqueletes e outras criaturas danse cita nesta época para pasar anacos refuxiados nas súas historias. A imaxe recolle o comezo do mural colaborativo sobre o outono fantástico.