lunes, 13 de febrero de 2012

Donde aprenden a volar las gaviotas

O primeiro libro que lemos este ano no club de lectura foi unha historia ben fermosa que nos achegou a temas tan importantes como o sensentido das guerras, mergullounos na cultura nórdica (este ano traballamos as culturas do mundo) a través dunha viaxe por Noruega e fíxonos vibrar con dúas historias de amor que endexamais esqueceremos. Este libro ímolo tomar como referente para as distintas conmemoracións do centro. Na presentación que vén de seguido podédelo comprobar.


 

jueves, 9 de febrero de 2012

Traballos Culturas do mundo


No marco do PDI "Culturas do mundo", estanse a xerar desde o equipo de biblioteca diversos traballos que relacionamos nesta entrada e que iremos actualizando segundo xurdan outros novos.







Como ven sendo habitual con cada tema dos PDI, o primeiro que fixemos foi unha exposición de materiais para traballar o proxecto. Aproveitamos o tema para adquirir unha bibliografía temática que contribúe a  enriquecer a nosa biblioteca. Con algúns deses libros elaboramos unha guía de lectura que podedes abrir facendo clic na imaxe.





Elaboramos un calendario con imaxes relacionadas con distintas culturas. Así, de paso que marca o noso tempo, temos sempre presente determinados aspectos da cultura universal.
Podédelo ver e descargar clicando na imaxe.







Con este traballo feito en ARDORA queremos facer un percorrido por diferentes aspectos da cultura dos pobos.

Pretendemos que os PDI teñan carácter interdisciplinar, é dicir, que se contemplen desde as distintas materias curriculares. Deste xeito, podemos falar de auténticos proxectos integrados. Desde o departamento de Lingua Castelá e Literatura analizaremos, nun afondamento na nosa cultura,  como foi a escola dos nosos devanceiros, para que, coñecendo aquela, as súas carencias,  poidamos valorar, apreciar e coidar mellor o que temos actualmente.
Neste traballo plásmase a información que recolleu o noso alumnado dos seus maiores. A actividade completarase cunha exposición de materiais relacionados co sistema escolar dos nosos avós, tratando de reproducir unha escola da época.
Podedes acceder ao PDF (formato libro) clicando na imaxe.


No departamento de matemáticas investigaron o sistema de medidas empregado polos nosos maiores e apórtannos este traballo sobre o sistema monetario español.

Aquí tedes dúas presentacións feitas polo alumnado da materia de reforzo educativo  na aula de apoio. Unha sobre Romanía, como homenaxe aos escolares dese país que están no noso colexio, e outra sobre o deporte nacional dos distintos países.







Manuel 1º e.s.o
View more PowerPoint from bibliobaralla

No PIN (proxecto interdisciplinar) de 1º de ESO tamén se traballou o tema do PDI centrado nas Comunidades de España. A continuación, algúns dos traballos realizados.
 
Pin

lunes, 30 de enero de 2012

Traballos para conmemorar o día da paz.



Aquí publicamos dous traballos colectivos para conmemorar o día da paz. O primeiro é un mosaico de traballos de E. Infantil e E. Primaria. A segunda imaxe  recolle as aportacións do alumnado da ESO.

Día da paz


Disque...
Había unha vez un rei que ofreceu un gran premio a aquel artista que puidese captar nunha pintura a paz perfecta. Intentárono moitos artistas.
O rei observou e admirou todas as pinturas, pero só atopou dúas que realmente lle gustaron e entre elas tivo que escoller.
A primeira era un lago moi tranquilo. Este lago era un espello perfecto no que se reflectían as plácidas montañas que o rodeaban. Sobre as montañas, un ceo azul cunhas tenues nubes brancas. Quen viu esta pintura pensou que reflectía a paz.
A segunda pintura tamén tiña montañas, pero eran escabrosas e descubertas. Sobre elas había un ceo furioso do que caía unha tremenda tormenta con lóstregos e trono. Pola montaña abaixo retumbaba un escumoso torrente de auga. Todo isto non semellaba nada pacífico.
Pero cando o rei observou minuciosamente, viu trala cascada un delicado arbusto arraigado nunha regandixa da rocha. Nel había un niño. Alí, no medio da ruxidoira da violenta fervenza, estaba sentado tranquilamente un paxariño no medio do seu niño...a paz perfecta.
Cal cres que foi a pintura gañadora?
O rei escolleu a segunda, sabes por que?
Porque, explicaba o rei: paz non significa estar nun lugar sen ruídos, sen problemas, sen traballo duro ou sen dor. Paz significa que, a pesar de estar no medio de todas esas cousas, teñamos calma no noso corazón.
Este é o verdadeiro significado da paz.
Autor descoñecido

jueves, 12 de enero de 2012

Culturas do mundo

"Culturas do mundo" é o título do proxecto documental que estamos a desenvolver este curso desde a nosa biblioteca. Sería imposible abranguer o tema en toda a súa extensión. So pretendemos que sexa o eixo vertebrador arredor do que xire a nosa actividade educativa e, de paso, mirar o mundo aínda que sexa por unha pequena regandixa.
A ilustración é unha miniatura do mural motivador do proxecto documental. A continuación tedes unha presentación coas imaxes que o compoñen.



lunes, 9 de enero de 2012

Donde aprenden a volar las gaviotas




Hoxe propoñémosvos un libro que lemos no primeiro trimestre do club de lectura: "Donde aprenden a volar las gaviotas". Parécenos un libro moi interesante en canto aos temas que trata, sobre cuxa reflexión tenta transmitir uns valores: dereitos humanos, a paz, o amor, a amistade, respecto e coidado do medio ambiente, o alzheimer...Nós ímolo aproveitar como referencia para todas as conmemoracións.

domingo, 18 de diciembre de 2011

Guía de lectura 2011



Como cada ano, aquí tedes a guía de lectura que a biblioteca edita polo nadal. Esperamos que as propostas de lectura sexan do voso agrado. Se clicades na imaxe, teredes acceso á guía en PDF.