miércoles, 30 de enero de 2013

Unha escritora de L.I.X. na Academia

A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria. 
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!
(Informacion tirada de Rede Lectura da Asesoría de Bibliotecas Escolares) 
É a nosa particular homenaxe a esta autora que tan bos momentos nos fai pasar cos seus libros. Aquí podedes consultar os  que temos dela na nosa biblioteca,  por se queredes ler algún.

martes, 29 de enero de 2013

Club de lectura 2012-13

Este curso seguiremos co club de lectura. Todo o alumado de 3º de ESO está inscrito nel. Tentaremos traballar  a temática do PDI "Cine e Literatura".   Deste xeito, simultanearemos a lectura de libros co visionado dos filmes feitos sobre eles.



Comezamos vendo a película "Diarios de la calle", que reflicte o ambiente marxinal e o fracaso escolar e social do alumnado que o sofre. A profesora recoméndalles ler o "Diario de Ana Frank" para facerlles ver que aínda se pode estar peor. Ese será tamén o segundo libro que leremos e a posibilidade do visionado do filme.

O terceiro libro e película, "Luna de lobos" segue polos mesmos derroteiros, aínda que neste caso a marxinación non é de tipo racial senón ideolóxica.Clicando nas imaxes ou ligazóns podedes acceder aos traballos que preparamos sobre os libros e filmes. A continuación tedes un deles.






jueves, 17 de enero de 2013

Calendario "Cine e Literatura"


Dentro do proxecto documental integrado deste ano, elaboramos este almanaque que nos lembrará cunha película ou co libro correspondente a celebración máis importante de cada mes.Clicando na imaxe ou na ligazón poderedes acceder ao documento en PDF. Que teñades, xa que logo,  un bo ano de cine e literatura.

domingo, 16 de diciembre de 2012

Kamishibai "O lobo e a ovella"


Kamishibai soa un pouco raro. É o termo xaponés para referirse a un tipo de teatriño con debuxos. Bibliotecas Escolares ofreceunos a posibilidade de contar con un,  sempre e cando lle desemos uso. Pois aquí estamos co primeiro traballo elaborado para este soporte: "O lobo e a ovella". Penso que encaixa perfectamente co tema do proxecto documental deste ano. Non é cine, pero case.
Lembro que de neno me contaban este conto e a min entusiamábame. Pidíalles que mo contasen unha e outra vez. Nunca o vin publicado en ningunha editorial, e paréceme estraño porque seica os contos son universais.Os debuxos son de Ana Pardo coa que colaboramos máis persoas da comunidade escolar. O texto poderíase considerar como popular.  
Se clicades na imaxe ou na ligazón, teredes acceso ao documento en PDF.  Que gocedes del coma min.
Delio.

Guía de lectura 2012


Aquí chega a nosa cita anual coa guía de lectura para o nadal. Pretendemos con ela orientar ao noso alumnado e aos seus pais e nais á hora de escoller un libro como agasallo. Na guía deste ano tamén hai películas porque está relacionada co tema que traballamos este curso: "Cine e Literatura".Se clicades na imaxe ou na ligazón, poderedes acceder á guía en formato PDF.  Bo nadal e fructíferas lecturas.

Cine e Literatura




O tema do Proxecto Documental deste curso é "Cine e Literaura" e fixándonos especialmente nos comics no tocante á Literatura. O mural motivador é un traballo colaborativo de todo o colexio e ten o formato de cómic.


Con este tema aproveitamos para aumentar os fondos da nosa biblioteca en canto a películas e curtas sobre obras literarias. Iremos subindo todos os traballos que se xeneren durante o curso. 
O equipo de biblioteca considera oportuno que teñades ao voso dispor as ligazóns a documentos importantes sobre o tema. Iremos actualizando as ligazóns segundo vaiamos atopando cousas interesantes. Contamos coas vosas suxerencias.
Ligazóns de interese:

As mellores películas sobre educación.

Blogues de centros de ensino  sobre cine:

Bibliotecacotarelocine

martes, 26 de junio de 2012

Roteiro Fiz Vergara Vilariño

O día 20 de xuño fixemos a viaxe programada do noso club de lectura. Agardamos ata esa data para facer a excursión relaxados/as, co curso xa rematado. A experiencia deixou en todos nós un bo sabor de boca, non só polo xantar, que tamén, senón polas imaxes que gardaremos para sempre nas nosas retinas.
Fiz Vergara Vilariño é o poeta da Lóuzara Xiabreira, como el lle chama á súa terra. A vida foi unha cabrona con el negándolle o máis incuestionable do ser humano: o amor. Fiz cántalle a este amor soñado e nunca tido no marco incomparable da natureza louzariña con palabras puras e sinceras.
Con este roteiro queremos render homenaxe a unha persoa que sufriu os sensabores da vida e que só atopou na poesía consolo para os seus males. Di D. Xesús Alonso Montero que fixo literatura como defensa contra as ofensas da vida.
Aquí tedes unha reportaxe gráfica deste roteiro: